xoves, 5 de xaneiro de 2017

13. A NOSA CANCIÓN: VERDE DAQUÍ E DACOLÁ

Sobre a melodía pentatónica que creemos, tamén inventaremos unha letra que resuma este proxecto. Logo, practicaremos e gravaremos tamén. Cando teñamos a nosa creación, compartirémola neste blog.

12. ESCALAS PENTATÓNICAS

Na materia de música veremos que son as escalas pentatónicas e como sonan segundo as notas que levan:

 


  1. Crea cun xilófono as túas propias melodías pentatónicas e escríbeas na túa libreta para gardalas.
  2. Improvisaremos con instrumentos de placas na escala pentatónica de Do e de La.
  3. Escoita a escala pentatónica andina






11. BAILE FOLCLÓRICO

Veremos o vídeo da danza peruana: Carnaval Arequipeño, presentado pola nosa alumna Sara, e fixarémosnos na coreografía, nos traxes, e repasaremos as partes do traxe galego, xa dadas.






Bailaremos todos unha danza galega e logo imitaremos o baile do vídeo xa visto, pero sobre esta melodía:




10. EXPOSICIÓN DE INSTRUMENTOS

Na materia de música montaremos unha exposición temporal de instrumentos tradicionais con etiquetas nas que se clasifiquen segundo a súa procedencia e tipoloxía (vento, corda...).

Logo, cada un na súa casa, buscará información sobre instrumentos tradicionais galegos, ou peruanos, e exporá as súas pesquisas na aula.

Interpretaremos unha melodía simple na frauta doce e intentarémolo na frauta de pan.




9. O CICLO DA AUGA

Aproveitaremos para traballar o ciclo da auga e cos máis pequenos do cole, tamén os estados da auga. Para ir abrindo a actividade, poñeremos o seguinte vídeo:




Os peques realizarán en plástica un debuxo do ciclo da auga empregando algodón para as nubes, papel de seda para a auga en estado líquido e tamén témera sólida para completar os detalles.

Logo, en valores sociais, realizaremos un experimento cunha bolsa con auga que pegaremos na ventá para ir comprobando como a auga se evapora, se condensa e volve ao estado líquido. Máis ou menos así:




8. MURALLAS INCAS E MURALLAS ROMANAS

Vemos os vídeos explicativos sobre o Machu-Picchu e en Valores Sociais e Cívicos comentaremos sobre a civilización inca. Logo, deterémonos na civilización romana e analizaremos, verbalmente, as semellanzas e diferenzas entre unha civilización e outra.






Actividade de plástica: Fai un debuxo abstracto no que se inclúan, artísticamente, as dúas imaxes: a da muralla de Lugo e a do Machu- Picchu, integradas nun mesmo debuxo. Aquí podes ver dúas fotografías para facerte unha idea:



Para os máis peques, poden tomar como base os seguintes modelos, sacados de internet:








7. MAMÍFEROS DAQUÍ E DACOLÁ

Antes de nada, repasamos as características dos mamíferos mediante explicación verbal e intervencións, e ao acabar, vemos os vídeos onde saen unha llama e unha vaca.




Logo vemos un vídeo no que nos explica a familia dos nosos compis cómo é un dos pratos tradicionais, que inclúe cui, o que nós aquí coñecemos como cobaia.

Actividade valores: Clasificamos os produtos procedentes da llama, da vaca e do cui ou cobaia, e consideramos porqué son domésticos. Logo, redactamos unha receita de cociña galega que inclúa algún dos produtos da nosa terra.

Actividade plástica: Traemos unha foto na que saiamos nós cun animal mamífero e copiámola con témpera pero cun estilo expresionista, non realista.

6. MÓVESE A TERRA!

Vemos, antes de nada, o vídeo onde os nosos compañeiros explican qué facer en caso de terremoto. A raíz disto, explicamos as causas dos movementos sísmicos.



Para plástica: Debuxa con témpera e pincel as cousas que che dan medo. Intenta empregar cores escuras.

Para Valores: Fai unha lista de produtos de primeira necesidade que se poderían enviar a un lugar onde acontecese unha catástrofe e precisasen axuda humanitaria (hixiene, alimentos non perecedoiros, abrigo...)

5. INVESTIGAMOS INSECTOS

 Para valores sociais e cívicos: Buscamos insectos polo patio e observámolos con microscopio. Tamén miramos as placas xa preparadas para a observación científica, nas que hai partes de insectos.








Os maiores buscarán en internet e en libros os insectos que pode haber no Perú e compararán os dous tipos de saltóns (cor, tamaño, carcterísticas), establecendo os seus propios criterios de catalogación.


Para plástica: Debuxamos un saltón, co máximo realismo posible, e logo indicamos as partes vistas con microscopio e facemos un debuxo con apariencia "científica".







4. MARMELO E CACAO

Primeiro, lembramos o proceso de elaboración do doce de marmelo que cada ano se prepara na escola. Podemos ver nas seguintes fotos un pequeno resumo dalgunhas das partes do proceso:


Para plástica: imos decorar con botóns, pompóns, etc un marco para a foto de recollida do marmelo.

FOTO DOS TRABALLOS

Logo, vemos o vídeo e fotos nos que Sara e a súa curmá nos contan o aprendido no Museo do Cacao, e comparamos os dous procesos, o do marmelo e o do cacao.








Foto do proceso do cacao

Actividade para valores sociais e culturais: Nun A3 explicamos por medio de viñetas o proceso do cacao.

Actividade para plástica: Coloreamos o froito do cacao (cores cálidas) e deseñamos torques celtas con pebidas de cacao. Con isto, compararemos os castros celtas e o Machu- Picchu inca, o que nos servirá máis adiante cando estudemos máis a fondo aos incas e tamén o Machu- Picchu. Comemos os torques bonitos que fixemos con chocolate.

3. PATACAS, MILLO E AJÍ

Á volta da súa viaxe explicáronnos os cultivos típicos do Perú e elaboramos unha caixiña de cultivos para ter as sementes clasificadas.

Aquí poden verse fotos de patacas e millo, saberías dicir cales son variedades "daquí" e "dacolá"?







Seguro que as acertaches todas! Ademáis coincidiu coa excursión á granxa Barreiros, na que realizamos obradoiros coa temática do millo: recolleita, esfollado, etc. Podes ver ese día na seguinte ligazón: https://www.youtube.com/watch?v=NAYgHq5Oe58

Actividade para plástica: Colorear con lapis de cores con cores cálidas (vermello, amarelo, laranxa) unha mazorca de millo e intercalar morado (cor fría).

FOTOS DO TRABALLO

Actividade para Valores Sociais: Escribir millo en varios idiomas e indicar as variedades galegas de millo e as peruanas.






luns, 2 de xaneiro de 2017

2. UNHA POSTAL DESDE O PERÚ

Recibimos unha postal do outro lado do océano na nosa oficina de correspondencia (https://www.youtube.com/watch?v=QopYdrKvIBw&t=1s) e descubrimos que viña desde Perú. Obviamente, tivemos curiosidade por mirar onde quedaba este país nun mapa, pero antes de nada, saber qué nos contaban os nosos amigos.










Lemos o seu contido e buscamos información sobre o Machu Picchu e sobre os incas. Os de 3º e 4º recordaron a información dada o curso anterior sobre o descubrimento de América.

Actividade de plástica: Os nenos de Infantil e 1º fixeron o Machu Picchu en plastilina e logo debuxárono con témpera e titulárono Machu Picchu.


Actividade de valores sociais: escribíronnle unha contestación "ficticia" a uns nenos habitantes do Perú na que falaban dunha paisaxe do Incio que valorasen moito, e tamén debuxaron tal paisaxe no outro lado da postal.






1. SAÚDOS DESDE O PERÚ: A CHACRA DO ABUELITO JUAN

Falamos de iniciar este proxecto e o que nos gustaría sacar en limpo con el. Este será un proxecto máis pechado ca outros anteriores, e  cada actividade está relacionada cun vídeo que Sara e Adrián (dous alumnnos do colexio que foron visitar á súa familia a Perú) compartiron connosco. Nos vídeos pódese aprender sobre a cultura daquel país e tamén sobre aspectos da natureza, que por ter un clima diferente ao noso, nós non podemos coñecer en persoa. Agora temos a oportunidade de ver outras realidades a través dos seus ollos e explicacións.





A CHACRA DO ABUELITO JUAN

Vemos os vídeos onde tanto Sara coma o seu avó nos explican como é a chacra, o que é, o sistema de regadío que usan, as ferramentas que teñen os empregados para traballar, etc.












Actividade para plástica:

Fai un debuxo con lapis de cores ou ceras que resuma todo o aprendido nos vídeos. Podes engadir números, palabras ou pequenos textos.





Actividade de mellora da lectoescritura:

Os nenos e nenas de Ed Infantil e 1º elaboraron unha ficha sobre a cebola, un cultivo daquí e dacolá, coa que practicaron a escritura. Tamén detallaron as partes da planta da cebola, e fixérono en castelán porque este é o idioma que se fala no Perú, outro dos aspectos tratados na aula.






PROXECTO "VERDE DAQUÍ E DACOLÁ"

Este é un proxecto vencellado ás materias de Valores Sociais e Cívicos, Plástica e Música; e ten relación co Plan Proxecta: Paisaxe e sustentabilidade e con Voz Natura, ámbolos dous proxectos relacionados co respecto e coidado do medio.

O traballo final poderá verse neste blog e tamén nas carpetas creadas polo alumnado para meter os seus traballos, aínda que non todo será "palpable" e poderá meterse físicamente na carpeta. Tampouco todo o alumnado terá os mesmos traballos, dependerá do nivel e da materia á que asistan durante o curso. O proxecto vai dirixido a todo o centro, tanto aos nenos de Educación Infantil como Primaria.



OBXECTIVOS XERAIS DO PROXECTO

  1. Coñecer a nosa contorna máis inmediata.
  2. Aprender a valorar o entorno natural próximo.
  3. Reforzar o aprendido sobre o ciclo da auga.
  4. Reforzar o aprendido sobre terremotos e placas tectónicas.
  5. Coñecer outras contornas: o Perú.
  6. Aprender a valorar outras culturas e estilos de vida.
  7. Reforzar os lazos familiares e de amizade entre os alumnos.
  8. Mellorar as habilidades de escritura por medio de postais e textos explicativos.
  9. Mellorar a expresión oral do alumnado.
  10. Mellorar a capacidade de atender e potenciar a comprensión por medio de vídeos, audios e explicacións.
  11. Estabelecer medidas comparativas entre dúas realidades: semellanzas e diferenzas.
  12. Repasar os conceptos de país e continente.
  13. Familiarizarse cos termos "marabilla do mundo" e "patrimonio da humanidade".
  14. Coñecer receitas de cociña e pratos típicos do Perú e mellorar ou reforzar a escritura pasándoos a limpo.
  15. Coñecer mellor a fauna da contorna e a doutros países con outro clima.
  16. Coñecer os sistemas de agricultura do Perú e profundizar máis nos nosos.

OBXECTIVOS RELACIONADOS POR MATERIAS:

PLÁSTICA

  1. Diferenciar cores cálidas das frías a través de diversos debuxos.
  2. Plasmar en papel ou outro soporte unha realidade que se coñeza ou imaxine.
  3. Ser curioso e detallista no traballo.
  4. Diferenciar visualmente unha gama de verdes.
  5. Aplicar diversas técnicas nas propias composicións.
  6. Empregar diversos elementos naturais nas obras, como soporte ou material.
  7. Debuxar animais fieis á realidade.
  8. Empregar plastilina, barro ou arxila para recrear monumentos ou espazos naturais.

VALORES SOCIAIS E CÍVICOS

  1. Coñecer outras realidades do mundo.
  2. Valorar a cultura propia e a allea: contos, lendas, cancións, música, bailes...
  3. Aprender valores a través de historias galegas e incas.
  4. Responsabilizarse do coidado dos seres vivos: plantas autóctonas galegas e peruanas.
  5. Aprender aspectos básicos de cultivo.
  6. Interesarse polos insectos da contorna e elaborar fichas de observación científica.
  7. Gozar o traballo cooperativo, o traballo en equipo e aportar ideas e respectar as ideas dos demáis.

MÚSICA

  1. Coñecer instrumentos da nosa contorna.
  2. Coñecer instrumentos peruanos.
  3. Coñecer o traxe tradicional galego e peruano.
  4. Coñecer cancións e bailes tradicionais galegos.
  5. Coñecer cancións e bailes tradicionais do Perú.
  6. Practicar a escala pentatónica que aparece algunha cantiga tradicional galega.
  7. Practicar a escala pentatónica andina.
  8. Entoar correctamente as cancións propostas.
  9. Interpretar cos dous tipos de frautas: doce e de pan, diversos exercicios.
  10. Crear unha letra e unha melodía que resuman o aprendido.